Thursday 02 de May de 2024

Concello de Moeche, escola e entidades prepáranse para o Entroido


A cita municipal está fixada para a tarde do Martes 13, festivo local, na Nave do Mercado

As asociacións veciñais Val de Moeche e Labacengos tamén organizan o sábado 10 cadanseu cocido de Entroido

Moeche é un dos municipios da comarca onde máis querencia hai polo Entroido, a festa máis irreverente do ano en que nos convertemos no que non somos entre bromas, chanzas e troula. E se os carnavales se manteñen é porque a súa raíz ancestral segue case intacta entre a veciñanza, alentada tanto polo Concello como polas entidades que se suman á celebración organizando bailes de máscaras e xantares. Ademais tamén hai que contar co labor que fai o CEIP San Ramón incluíndo no seu programa lectivo todo o que a rapazada quere e debe saber sobre as datas que nos veñen aí. Datas para as que hai varias cousas programadas.

Empezamos, precisamente, polo CEIP San Ramón. Alí teñen preparadas varias actividades para a cativería que se ocupan de explicar o sentido do Entroido e a grande implantación social que ten en Galicia. Pero non só iso, senón que tamén se leva á práctica deseñando e confeccionando disfraces e organizando comparsas por cursos que desfilarán no centro de ensino e que mesmo se achegarán ao Concello. O carnaval escolar culminará, coma todos os anos, coa tradicional queima do Meco.

No caso do Concello, o departamento de Cultura leva a celebración á Nave do Mercado de San Ramón no seu día grande: o 13 de febreiro, Martes de Entroido. Nesa xornada (festivo local) haberá, xogos, inchables, música e concurso de disfraces con premios nas categorías infantil, adulta e grupos. Comezará ás 17:00h e durante o serán tamén se servirá chocolate con churros.

Cocidos en San Xurxo e Labacengos
Outro dos días grandes do Entroido modestino será o sábado 10 de febreiro coas dúas citas que nos teñen preparadas as asociacións veciñais Val de Moeche e Labacengos.

En San Xurxo propóñennos un cocido que se servirá no local social do Pereiro a partir das 14:00h. O menú leva sopa, cocido, sobremesas típicas, pan, bebida e licores ao prezo de 15€ as persoas socias e 20€ as non socias. Desde a entidade indican que tamén terán animación musical. Hai que anotarse antes do 8 de febreiro chamando ao 622 916 960.

No caso da parroquia de Labacengos, o colectivo veciñal informa de que o seu xantar comezará ás 14:30h no local social do Ventoeiro, composto por sopa de cocido, cocido -lacón, touciño, costela, chourizo, patacas, verdura e garavanzos-, pan, bebida, café, licor e doces de Entroido. O prezo é de 18€ para persoas socias e de 21€ para non socias (a cativería ata 12 anos non paga). Tamén terán música, coa actuación de Suso Moeche, e un concurso de disfraces a partir das 17:00h con premios para o mellor disfrace infantil e adulto. Para o xantar pode reservarse ata o 6 de febreiro no 606 729 038.